^ Ir arriba

novas

Friday, 20 December 2019 20:12

Gondomar aproba proxecto de reparcelamento do Polígono da Pasaxe

Desbloquéase así unha demanda histórica dos empresarios que facilitará a ampliación do Parque ata os 600.000 metros cadrados, xa nunha segunda fase.

“É un día moi importante para o  concello de Gondomar. Había moitos escépticos que non nos crían. Agora falan os feitos e o reparcelamento do polígono da Pasaxe é hoxe unha realidade”. Así o manifestou esta mañá o rexedor de Gondomar, Paco Ferreira, tras formalizar, xunto ao presidente da Asociación de Empresarios da Pasaxe, Javier Díaz, o proxecto de reparcelamento e  equidistribución de cargas e beneficios.

O rexedor lembrou que con esta medida ponse fin a “un traballo laborioso e complicado” que atende unha demanda histórica dos empresarios e que pon no seu lugar o polígono industrial da Pasaxe “que é un dos mellor situados e que está chamado a converterse nun lugar de referencia para industrias de sectores tan importantes como a automoción”.

Pola súa banda Javier Díaz agradeceu a implicación de Paco Ferreira “porque a historia deixounos moitas veces ás portas e neste caso o seu empeño e traballo constante e serio permitiu que saia adiante un proxecto moi necesario e esperado.”

  Unha vez aprobada esta primeira fase trabállase xa na licitación das obras de urbanización que acometerán no polígono e que supoñerán un investimento de algo máis de 3.400.000 euros, cantidade que achegarán os empresarios a través do sistema de cooperación. O ámbito de actuación será de preto de 205.000 metros cadrados, superficie que na actualidade ocupan algo máis dun centenar de empresas.

O proxecto tramitouse e aprobado unicamente co respaldo do goberno local e a propia asociación empresarial. Nese sentido, Paco Ferreira, confía en que a Xunta de Galicia valore a posibilidade implicarse nalgún momento porque “A Pasaxe é o irmán orfo comparado con outros territorios, como pode ser Mos. Están en débeda non só co noso concello, se non tamén coa Asociación de Empresarios do parque industrial”.

Neste sentido destacou o papel da Zona Franca que xa anunciou que asumirá o desenvolvemento da segunda fase, na que se procederá á ampliación do polígono en preto de 400.000 metros cadrados, cun investimento comprometido de case 20 millóns de euros. 

Esta segunda fase, segundo explicou Paco Ferreira, poderase iniciar sen esperar a que conclúa o reparcelamento aprobado este venres. O alcalde anunciou a súa intención de reunirse a próxima semana co delegado do Consorcio, David  Regades, para “poñernos a traballar canto antes e seguir avanzando no camiño de modernización e ampliación do polígono”, que lembrou permitirá a creación de ata 7000 empregos directos, o dobre dos que ten actualmente.

 

photo6046609544227959012.jpg