Print this page
Monday, 15 June 2020 10:04

Gondomar aposta pola cultura e artistas locais no programa de actividades de verán

4502ad9a-980c-4e96-bc28-cea7b310cf78.jpg

O goberno de Gondomar prepara xa a súa programación de verán apostando de forma clara e directa pola cultura e os artistas locais, consciente do difícil momento que este sector afronta tras a alerta sanitaria ao verse limitadas moitas das súas actividades. Dende a concellería de Cultura deseñouse unha programación pensada para todas as idades e que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto.

 

  A alarma sanitaria e as novas normas que rexerán a partir do seu levantamento estiveron moi presentes á hora de deseñar unha programación que “non quixemos suspender porque entendemos que os nosos veciños merécena, e teñen que gozar como todos os veráns de actividades de lecer”, afirmou o rexedor Paco Ferreira.

A pesar de que os eventos tradicionais que implican grandes concentracións como a celebración de San Bieito, a festa da Rosquilla suspendéronse este ano “o noso programa é igual de ambicioso que en edicións anteriores, buscando achegarnos ao maior número posible de persoas e a todos os recunchos do municipio”.

Desta forma durante os meses de xullo e agosto todos os venres, sábados e domingos programaranse actividades que este ano tamén se trasladarán ás parroquias. É o caso do “cinema de verán” que cada semana proxectará unha película en cada unha delas, evitando así aglomeración de persoas nun mesmo punto, atendendo ao decreto que rexerá a nova normalidade unha vez que finalice a alerta sanitaria.

Ademais tamén está prevista a celebración de pequenos concertos en espazos abertos de grupos e artistas locais, moitos deles xa de recoñecido prestixio e outros que empezan a despuntar no mundo da música, así como actuacións de teatro e outro tipo de representacións de artes escénicas.

“Todos os sectores profesionais son importantes para o noso goberno e por iso este ano queremos estar aí máis que nunca, apoiando á cultura, un ámbito profesional do que dependen moitas familias e que non debemos esquecer”, conclúe Paco Ferreira.