Print this page
Wednesday, 13 October 2021 10:05

Gondomar inicia as sesións de traballo para elaborar o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía do municipio

 photo_2021-10-05_14-25-41.jpg

Este plan, que deberá presentar nun prazo máximo de dous anos, é un compromiso adquirido por Gondomar tras adherirse ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía, iniciativa europea na que os gobernos locais e rexionais comprométense voluntariamente a implantar no seu territorio en materia de clima e enerxía da UE. 

​O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, presidiu o primeiro encontro de traballo no que xunto ao concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, as técnicas deste departamento, Karina Pereira e Paula Rivera, así como outros representantes do goberno local, no que a empresa Inova Labs expuxo os pormenores e accións concretas a abordar para poder elaborar e redactar o futuro plan.

​Financiado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través dos fondos europeos FEDER, o concello de Gondomar dá os primeiros pasos para a redacción do documento final que deberá expoñer xa medidas concretas que permitan contribuír ao obxectivo europeo de redución dos gases de efecto  invernadoiro nun 40% para o 2030. 

​O Plan de Acción para o Clima e a Enerxía de Gondomar, ademais de esbozar as accións craves para lograr reducir o consumo enerxético en liña cos obxectivos de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas, deberá incluír un inventario de emisións de referencia e unha avaliación de riscos e vulnerabilidades climáticos.

​“Demostramos unha vez máis que o noso compromiso coa loita contra o cambio climático e os obxectivos 2030 é firme e serio, como demostran as distintas políticas e accións que neste sentido puxemos en marcha desde o inicio da lexislatura.  Queremos que Gondomar sexa un referente de sustentabilidade e consumo enerxético responsable”, concluíu o alcalde.