^ Ir arriba

novas

Monday, 29 November 2021 21:01

Gondomar pon en marcha o seu campus máis deportivo e solidario

 
VIII CAMPUS NADAL.png
 
Entre os días 27 e 30 de decembro o concello de Gondomar celebrará unha nova edición do Campus Nadal Solidario, promovido pola concellaría de Deportes, e que xunta a diversión para os máis novos e novas cos hábitos saudables e os valores da solidariedade.
 
O VIII Campus Nadal Solidario abre o seu prazo de inscricións este luns 29 de novembro e permanecerá aberto ata o 22 de decembro para cubrir as 70 prazas que se poñen ao dispor das familias de Gondomar como unha das alternativas para favorecer a conciliación durante as datas do Nadal.
 
“É unha das preocupacións que neste goberno sempre temos presente e desde as concellerías trabállase para atender esta demanda ofrecendo sempre actividades nas que os máis novos e novas ademais de divertirse tamén aprenden valores necesarios para o seu desenvolvemento como o compañeirismo, hábitos saudables ou
a solidariedade, entre outros”, sinala o alcalde Paco Ferreira.
 
A única condición para poder inscribirse será a de achegar como mínimo 2 quilos de alimentos non perecedoiros para o banco de alimentos municipal “porque nestas datas, máis que nunca, non podemos esquecernos daqueles que se atopan nunha situación vulnerable”.
 
Poderán participar nenos e nenas de idades comprendidas entre os 6 e 12 anos que durante os catro días do campamento poderán participar en distintas actividades deportivas, descubrindo as súas habilidades en deportes que descoñecían ou mesmo achegarse a novas modalidades, á vez que se divirten. Como en anos anteriores, tamén se programa unha excursión.
 
As inscricións realizaranse no pavillón Municipal Bernabé Costas de Miranda, entre ás 17.00 horas e ás 19.00 horas. 
 
Máis información no correo This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it. ou o teléfono 986 360 305.