×

Warning

JUser: :_load: Unable to load user with ID: 19
Print this page
Friday, 04 October 2013 15:06

O Concello de Gondomar protexe un dos tallamares da Ponte de Mañufe ante as posibles riadas

O Concello de Gondomar, a través da concellaría de Vías e Obras, que dirixe Jesús Salgueiro, vén de acometer traballos de reforzo dun dos tallamares da Ponte de Mañufe, á espera de elaborar un proxecto para a súa completa reparación.

 

Despois da riada do pasado ano, que tivo como consecuencia a caída de varias das pedras dun dos tallamares da ponte, este quedou en moi mal estado. Tras estudar a situación da construción, dende o Concello de Gondomar elaborouse e remitiu á Dirección Xeral de Patrimonio un proxecto de urxencia, redactado polo arquitecto gondomareño Antonio Soliño.

Unha vez aprobado o proxecto e iniciadas as obras de reparación comprobouse que a deterioración das pedras do tallamar era aínda maior que o previsto inicialmente. "Ao iniciar as obras de reconstrución do tallamar comprobamos que as pedras estaban ocas, algo que era imposible saber antes de comezar in situ co traballo”, apunta Salgueiro, responsable do departamento de Vías e Obras.

Ante a nova situación, dende a concellaría actuouse con rapidez cercando o tallamar con perpiaños para protexelo das posibles riadas e evitar, así, que o seu estado empeore. "Esta é unha protección provisional", sinala Salgueiro, "Antonio Soliño está xa a traballar na redacción dun novo proxecto que contemple o verdadeiro estado do tallamar para a súa completa reconstrución".

Con estas actuacións, dende o Concello de Gondomar apóstase pola posta en valor da ponte románica de Mañufe, un dos puntos de maior interese turístico do municipio.