^ Ir arriba

novas

Thursday, 09 January 2014 08:37

Fernando Guitián e Patricia Durán clausuran o GondoNadal

Na actividade, que se desenvolveu dende o pasado 23 de decembro, participaron 30 nenos e nenas de entre 3 e 8 anos

Patricia Durán quere mostrar o seu agradecemento a todos os que participaron e fixeron posible esta edición do GondoNadal

O alcalde de Gondomar,Fernando Guitián, acompañado pola concelleira de Igualdade, Patricia Durán, clausurou, esta mañá, no CEIP Chano Piñeiro o GONDONADAL, o programa de ocio e tempo libre posto en marcha pola Concellaría de Igualdade, a través do Centro de Información á Muller, e no que participaron 30 nenos e nenas de entre 3 e 8 anos.

Neste último día do GondoNadal houbo diversión para todos. Dende as 12.30 e ata as 13.30 horas; nenos, pais e avós puideron participar xuntos na realización de diversos xogos populares como a corda, carreiras de sacos, zancos, etc...

O GondoNadal tivo como obxectivo de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións escolares de Nadal, ao tempo que se potencia o desenvolvemento integral do neno/á través dunha programación que combina o xogo con actividades creativas, culturais e coñecemento do ámbito próximo, dende unha pedagoxía do ocio baseada na educación en igualdade e hábitos saudables.

Actividades

Durante estas semanas, os nenos e nenas do GondoNadal participaron en numerosas actividades lúdicas baixo a supervisión de tres monitoras. Talleres de manualidades, cociña, peiteado, artesanía ou música son algunhas das actividades que conformaron o programa do GondoNadal, co fin, non só de entreter, senón tamén de contribuír ao desenvolvemento da creatividade dos pequenos.

Tampouco faltaron as actividades propiamente do Nadal. Os nenos e nenas do GondoNadal tiveron a oportunidade de fabricar o seu propio boneco de "neve", aínda que este fose de barro, visitaron o Belén Vivente do municipio e realizaron adornos do Nadal para as súas casas. Para pechar o ano, o GondoNadal celebrou o seu particular fin de ano, con talleres de maquillaxe e peiteado.

A concelleira de Igualdade, Patricia Durán, manifestou o seu agradecemento ao CEIP Chano Piñeiro, por que brinden as súas instalacións para o desenvolvemento do campamento, así como a todos os que participaron e fixeron posible esta edición do GondoNadal.