^ Ir arriba

novas

Tuesday, 27 May 2014 08:36

Gondomar quenta motores cunha charla coloquio que contará cos mellores pilotos do Rías Baixas 2014

Terá lugar o mércores 28 no Auditorio Lois Tobío, ás 20.00 horas

O municipio volverá ser escenario dun dos tramos do percorrido e acollerá, o venres 30, un parque de reagrupamento na Praza do Concello

Con motivo da celebración da 50ª edición do Rallye Rías Baixas, que cada ano congrega miles de seguidores, o Auditorio Lois Tobío acollerá este mércores 28, ás 20.00 horas, unha charla-coloquio que contará coa presenza dos mellores pilotos que correrán na proba.

Os irmáns Sergio e Diego Vallejo, os pilotos locais Alberto Meira e Pablo Pazó, o ex futbolista e actual piloto de rallys do equipo Suzuki Santiago Cañizares e o seu compañeiro de cores Joan Vinyes contarán anécdotas e responderán ás preguntas dos asistentes.
A entrada é libre, ata completar aforamento.

O Lois Tobío será, ademais, escenario da mostra fotográfica do fotógrafo gondomareño Kike Salgueiro que expoñerá varias das súas mellores instantáneas dos rallys do Campionato de España.

Novidades no percorrido e reagrupamento no concello

O Rías Baixas terá lugar do 29 ao 31 de maio e manterá o mesmo esquema de competición dos últimos anos. A principal novidade estará no percorrido do primeiro día.

O 50º Rally Rías Baixas arrancará, o venres 30, coa disputa do tramo de Morgadáns: unha especial que discorrerá polas mesmas estradas que o histórico tramo de Chenlo. Morgadáns entra a formar parte do percorrido desta edición substituíndo á etapa do Castro de Vigo. Posteriormente os participantes cubrirán o tramo de Nigrán.

Tras disputar a primeira pasada polos tramos de Chenlo- Morgadánse Alba- Nigrán haberá un reagrupamento dos vehículos en Gondomar. Os 81 vehículos que tomarán a saída na competición botarán o freo na praza do Concello ás 19.20 horas do venres 30 de maio e permanecerán alí durante 20 minutos.

O rally completarase coa disputa, xa na etapa do sábado 31, dos tramos de Fornelos, Ponteareas e As Neves.

Unha competición con historia

O Rallye Rías Baixas é a proba deportiva que máis afeccionados reúne anualmente no sur de Galicia, motivo polo cal a Xunta de Galicia, Deputación Provincial e Concellos seguen apostando e colaborando fortemente coa organización.

Dende o Concello de Gondomar faise fincapé en que "esta é" unha competición deportiva cunha grande historia que ademais de facernos pasar un bo anaco, axuda a promover turisticamente os diferentes lugares" que o acollen.