^ Ir arriba

novas

Wednesday, 18 June 2014 13:55

Os veciños e veciñas de Gondomar poderán gozar do programa de balnearios diúrnos 'Coidarte’ 2014

O prazo de solicitude comezará o próximo 24 de xuño e permanecerá aberto ata o 23 de xullo

Este programa está subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Gondomar, que achega unha parte do custo total do programa de acordo co prezo dos balnearios elixidos

O concello de Gondomar, a través da Concellaría de Benestar Social, e en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, convoca o Programa de Balnearios Diúrnos 'Coidarte' 2014.

O programa consiste en pasar dúas horas diarias cinco tardes seguidas de luns a venres nos balnearios, talasos ou spas da provincia. As saídas realizaranse ao longo de todo o ano, agás no mes de agosto.

O prezo de cada praza vai depender do balneario que se escolla, e inclúen todos elas unha subvención da Deputación de 35 € e do Concello doutros 10 €. Así, os que se decanten polo Balneario Termas de Cuntis terán que aboar 71 euros por persoa; ao Hesperia Illa da Toxa, 70 euros; ao de Mondariz, 67 euros; mentres que ao Thalaso Atlántico Oia, 64 euros. Os que prefiran as instalacións do Talaso Sapa de Moaña terán que pagar 50 euros; os do Spa Norat do Grove, 30 euros e para o Spa Torre do Deza de Lalín aboarán tan só 19 euros. O prezo inclúe o traslado en autobús dende o lugar de orixe ata o establecemento elixido.

Os veciños e veciñas que se poderán beneficiar deste programa deberán ser persoas maiores de 50 anos, xubilados, pensionistas, ou que necesiten un respiro familiar, valorado mediante un informe da Traballadora Social do Concello.
É requisito indispensable non padecer ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible coa actividade do programa, así como estar en condicións de total autonomía para participar nel.

As solicitudes deberán presentarse nos Servizos Sociais do Concello do 24 de xuño ao 23 de xullo.