^ Ir arriba

novas

Thursday, 26 June 2014 10:43

O VI Torneo Escolar Benéfico de Tenis de Gondomar recada máis de 100 quilos de comida

A competición reuniu a, aproximadamente, 90 participantes
En total recadáronse máis de 100 quilos de alimentos non perecedoiros que serán repartidos entre as familias necesitadas de Gondomar
Natalia Salgueiro, concelleira de Deportes e Patricia Durán, responsable de Benestar Social agradecen a participación e colaboración de todos os veciños

 Torneo Benéfico

A pesar das dúbidas sobre a meteoroloxía, o pasado sábado tivo lugar o VI Torneo Escolar Benéfico de Tenis, organizado polo Concello, a través da Concellaría de Deportes e en colaboración co Club de Tenis Gondomar. A competición desenvolveuse nas pistas exteriores do IES Auga da Laxe e no Pavillón Municipal de Deportes dende 09.30 horas ata as 13.30 horas.

A competición, que congregou aproximadamente 90 participantes, abrangueu as categorías prebenxamín, benxamín, cría, infantil e cadete nas que resultaron gañadores: Igor Álvarez, Héctor González, Víctor Estévez, Juan Martínez e Adán Gil, respectivamente. Ao final da xornada, Fernando Guitián, alcalde do municipio, acompañado por Natalia Salgueiro, concelleira de Deportes e Patricia Durán, concelleira de Benestar Social fixeron entrega dos trofeos, e para que ninguén se fose coas mans baleiras sorteáronse regalos entre todos os participantes.

O único requisito para participar neste torneo foi o de contribuír cunha achega de alimentos non perecedoiros que se repartirán entre as familias necesitadas do municipio dende a Concellaría de Benestar Social. Os socios debían achegar 1 quilo de alimentos, mentres que os non socios deberon colaborar con dous quilos.

Natalia Salgueiro, concelleira de Deportes e Patricia Durán, responsable de Benestar Social agradecen a participación e colaboración de todos os veciños na xornada, grazas a quen se conseguiron xuntar máis de 100 quilos de comida. "Queremos agradecer o esforzo e colaboración de todos aqueles que de forma desinteresada fixeron posible que este evento benéfico se leve a cabo un ano máis co obxectivo de axudar ás familias máis necesitadas do municipio, sen esquecer, tampouco a grande labor de patrocinadores e colaboradores".