Print this page
Wednesday, 02 July 2014 09:09

A Deputación subvenciona os talleres de habilidades sociais da asociación Avelaíña, de axuda aos enfermos mentais do Val Miñor e O Baixo Miño

A deputada Marta Iglesias entregou unha axuda de 4.000 euros ao colectivo, que foi subvencionado pola Deputación nos últimos anos cun total de 22.00 euros

O acto contou tamén coa presenza do alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, quen eloxiou o gran labor de Avelaíña co colectivo de persoas afectadas por enfermidades mentais

Avelaina

A deputada provincial Marta Iglesias, acompañada polo alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, e pola concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Patricia Durán, visitou esta mañá Gondomar con motivo da entrega dunha subvención de 4.000 euros, para a realización de talleres de habilidades sociais, á asociación de axuda aos enfermos mentais Avelaíña, que presta os seus servizos na área sur da provincia de Pontevedra, dentro das bisbarras do Val Miñor e o Baixo Miño. Esta colaboración económica da Deputación completa un conxunto de subvencións para a mencionada asociación por un valor total de 22.232 euros nos últimos anos.

Iglesias visitou xunto ao rexedor gondomareño, a concelleira e os representantes de Avelaíña el Centro de Rehabilitación Psicosocial de Gondomar, onde o colectivo realiza algúns dos seus talleres de habilidades sociais. A maioría destas actividades contan con achegas económicas da Administración provincial.
A deputada viguesa destacou o feito de que a Deputación "está a realizar un esforzo presupostario máximo para atender as demandas destes colectivos dedicados á atención e axuda de persoas con necesidades especiais". Neste sentido, significou que o investimento da entidade provincial na área sur de Pontevedra supera os 3,5 millóns de euros anuais, en colaboración con máis dun centenar de agrupacións locais e comarcais.

O alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, eloxiou o gran labor de Avelaíña co colectivo de persoas afectadas por enfermidades mentais. Os representantes desta asociación comentaron os seus proxectos máis inmediatos, entre os que figuran a reforma, habilitación e equipamento dun local cedido en Baiona pola Tesouraría da Seguriad Social, que permitirá ampliar a cobertura das súas actividades no Val Miñor. Os voceiros solicitaron a colaboración da Deputación para materializar este novo reto de traballo.

Marta Iglesias enxalzou as tarefas "terapéuticas, socioeducativas e ocupacionais" que desempeñan os profesionais e voluntarios de Avelaíña co colectivo de persoas ao que está dirixido o seu labor. Significou neste sentido dende os talleres de habilidades ata os programas de inserción social e laboral, pasando polas actividades de formación e atención ás familias.

Avelaíña

A asociación Avelaíña de axuda aos enfermos mentais constituíuse en 1997. Na actualidade prestan os seus servizos en dous centros de rehabilitación psicosocial situados no Baixo Miño e O Val Miñor. Ademais, manteñen operativo un servizo residencial de supervisión de vivendas, outro servizo de orientación a pacientes e familiares, un denominado "Respiro Familiar" e outro específico de atención a domicilio.

Avelaíña conta igualmente cunha escola de familias, un servizo de orientación laboral, e outro de acompañamento para xestións e tramitacións. Desenvolven dende hai anos o programa europeo 'Comenius Regio', dedicado á mellora da aprendizaxe neste tipo de pacientes.