^ Ir arriba

novas

últimos vídeos

Luns, 30 Abril 2018 09:50

"Promoción turística local e información ao visitante" con 45 escolares de 4º de primaria do CEIP CHANO PIÑEIRO de Gondomar.

O alumnado-traballador da especialidade de Promoción turística local e información ao Visitante do Obradoiro de Emprego Valmiemprega II, realizou o día 27 unha visita guiada co alumnado de 4º de educación primaria do CEIP CHANO PIÑEIRO arredor de Praia América.

A ruta consistiu nun itinerario de interpretación da paisaxe e dos valores naturais do lugar. Comezou nas Dunas de Gaifar, espazo protexido por medio dun ENIL (Espazo Natural de interese local), proseguiu o percorrido coñecendo o peculiar Río Muíños, cunha curiosa desembocadura que fai a fronteira entre as praias de Panxón e Praia América. Os cativos tamén coñeceron "in situ" as características físicas da Baía e dos seus accidentes xeográficos, tales como Monteferro, Illas Estelas e Monte Lourido. Tamén se puido observar a curiosa casa coñecida como Torre Quirosno e as orixes do turismo en Praia América. Despois do percorrido a través de Monte Lourido e admirar a Baía de Baiona chegamos fronte a punta de frecha de Praia da Ladeira, onde os rapaces admiraron a fermosa Praia e a desembocadura do Río Miñor.
Para rematar, a última parada foi na Foz do Miñor, espazo protexido coa figura de LIC (Lugar de Importancia comunitaria) da Rede Natura, e ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves), onde se lles amosou unha paisaxe única, resaltando a marisma de gran importancia ornitolóxica por ser refuxio de aves migratorias, sendo un espazo moi visitado por turistas e polos propios residentes, tendo como obxectivo transmitir os valores ecolóxicos e naturais e a importancia de preservar estas zonas únicas do Val Miñor.
En total foron 45 rapaces acompañados de 2 profesores, que amosaron gran satisfacción pola actividade realizada e a importancia que teñen estas iniciativas para concienciar dos valores do noso patrimonio ás xeracións presentes e futuras.

IMG 20180427 WA0030