Xeografía
Características climáticas
A localización xeográfica de Gondomar no estremo leste da Mancomunidade de Vigo fai que dispoña dun dominio climático oceánico húmido, que se caracteriza por un ambiente térmico moi agradable durante todo o ano e unha abondosa pluviosidade, grazas a que a orientación da ría de Vigo facilita a penetración das masas de nubes do SO. As temperaturas son suaves durante todo o ano cunha media que rolda os 14ºC en xeral, mentres que as precipitacións son frecuentes e abondosas, agás nos meses de verán, cun total que rolda os 1.600 mm.
Precipitacións
A situación do concello e as características do seu relevo fan que as precipitacións sexan abondosas e practicamente uniformes en todo o seu territorio.
Por estacións, a época de maior pluviosidade é o outono, con valores que van dos 400 aos 700 mm., seguida do inverno, mentres que o verán é a estación na que se recolle unha menor cantidade de auga. Por meses, decembro é o máis chuvioso, seguido de novembro e xaneiro, mentres que xullo é o máis seco, seguido de xuño e agosto.
Temperaturas
A temperatura media anual do Concello de Gondomar está entorno aos 14-15ºC. Tal e como ocorre coas precipitacións, o relevo modifica as condicións térmicas do territorio, polo que a progresiva elevación deste leva a un descenso continuado das temperaturas.
Por meses, os máis calorosos son os de xullo e agosto, con medias que superan os 20ºC, seguidos de setembro e xuño. Pola contra, xaneiro recolle as temperaturas máis baixas, que oscilan entre os 9ºC. da metade O e os pouco máis de 6ºC. da metade oriental, podendo descender ata os 5ºC. nos cumes da serra do Galiñeiro.
Vexetación
En Gondomar a superficie de bosque non acada as 0,5 hectáreas por habitante. O mapa de formacións forestais dominantes amosa un claro predominio dos bosques de especies foráneas en toda a superficie municipal, así como solo de uso agrícola.
No conxunto das formacións forestais destaca a maior extensión que ocupan os bosques mixtos de piñeiro (Pinus pinaster) e eucalipto (Eucalyptus globulus), que aparece, principalmente no S do concello. No L predominan os bosques de eucalipto en solitario, que ocupan superficies considerables nas parroquias de Peitieiros, Morgadáns e Vincios. Tamén se poden atopar espazos con estas especies no S, como no S de Mañufe e Gondomar, e o N da parroquia de Couso. Os bosques de piñeiros en solitario localízanse no N e SO do concello, así como nalgunhas zonas do L, que ocupan superficies pequenas. Sobresae a superficie que ocupa nas parroquias de Vilaza e Vincios., sendo menos importante nas de Mañufe, Borreiros e Couso.
A vexetación clímax presenta escasa representatividade no conxunto municipal, reducíndose a superficie que ocupaba en favor das árbores traídas de fóra. Das especies autóctonas domina o carballo (Quercus robur), que ocupa as maiores extensións nas parroquias de Morgadáns, Vincios e Mañufe, aínda que tamén permanecen pequenos redutos nas de Vilaza e Donas. Esta especie pode aparecer asociada ás foráneas formando bosques mixtos, e concéntranse nas parroquias de Borreiros, Vincios e Vilaza, existindo pequenas superficies nas de Donas e Couso. Do resto da vexetación autóctona destaca a presenza de vexetación de ribeira na marxe dos cursos fluviais, sobre todo nas marxes do río Miñor.
As zonas dedicadas a uso agrícola atópanse principalmente nas zonas máis baixas e coinciden co O do concello; mentres que nas áreas máis montañosas abonda o monte desarborado, localizándose este no SL de Vincios e Morgadáns (no L do municipio) e no S das parroquias de Mañufe e Donas (no S do termo).
Chama a atención a superficie ocupada por solo de uso improdutivo, froito da acción do home sobre o territorio. As maiores extensións deste localízanse no S do concello, aproveitando o paso do río Miñor por esta zona para localizar a maior actividade humana, comercial e económica do concello.
A nivel xeral, a vexetación forestal do concello de Gondomar está formada principalmente por especies foráneas de crecemento rápido que ocupan a práctica totalidade do concello, así como por solo de uso agrícola. As especies autóctonas limítanse á presenza de vexetación de ribeira, na cunca dos cursos fluviais e carballeiras que ocupan unha superficie moi pequena, aínda que as maiores extensións localízanse no L do territorio.
Relevo
O Concello de Gondomar atópase nos contrafortes orientais da serra do Galiñeiro, conformando un territorio que se abre á ría de Baiona e forma un anfiteatro natural a partir das formacións montañosas que o pechan polo N, L e S. É precisamente nestes puntos onde se sitúan as maiores cotas altitudinais que acadan os 391 m no Pico Castelo (ao N), os 699 m na Serra do Galiñeiro (no L.), e os 447 m no Alto do Cereixo (no S do concello).
Vista desde O Galiñeiro
O resto do territorio está formado por vales fluviais, salienta o do río Miñor que presenta unha dirección L-O e o de Zamáns, cunha dirección NL-SO. Así, pódese apreciar como as parroquias de Vincios, Morgadáns e Peitieiros son as que presentan as maiores altitudes, xunto co N de Vincios. Pola contra, as parroquias de Borreiros, Donas,Gondomar e Chaín presentan as menores altitudes, ademais dun novo relevo máis aplanado a medida que se achegan aos cursos fluviais.
Ríos
A rede hidrográfica do concello está articulada polo río Miñor que atravesa o concello de L a O,aproveitando unha liña de fractura para asentar o seu curso. No seu transcurso rega as parroquias de Peitieiros,GOndomar,mañufe,Donas e Borreiros.Nel verte as súas augas o río Zamáns que entra no concello polo N, procedente de Vigo, e leva unha dirección de NL-SO. Desemboca á altura da via de Gondomar e no seu percorrido rega as parroquias de Vincios, Chaín, Vilaza e Gondomar. Tamén é afluente do Miñor o rego de Mañufe, que presenta as súas fontes na parroquia do mesmo nome. levando unha dirección, NL-SO-S. O río da Rasa ten as súas fontes na parroquia de Couso, leva unha dirección SL-NO ata desembocar no Miñor,polo que no seu traxecto rega as parroquias de Couso e Gondomar.
Tamén percorre parte deste municipio, polo seu O, o río Groba, que soamente rega a parroquia de Borreiros e leva unha dirección S-N, vertendo as súas augas directamente á ría de Baiona.
Zonas de interese natural
No Concello de Gondomar atópase un só espazo de interese natural coñecido co nome de A Foz do Miñor. Esta área está incluída dentro da Rexión Bioclimática Atlántica. Atópase protexida polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Provincia de Pontevedra.