
O Concello de Gondomar levou a cabo o proxecto de mellora da eficiencia enerxética integral no Aula de Couso do CRA Antía Cal, co obxectivo de recuperar esta unidade educativa e garantir a súa utilización en condicións axeitadas de seguridade, confort e sustentabilidade.
A actuación realizouse cun orzamento total de 149.816,50 euros, financiado con fondos europeos FEDER, a través da Xunta de Galicia, e con achega do propio Concello de Gondomar.
O proxecto permitiu rehabilitar por completo o edificio, que presentaba un avanzado estado de deterioro e deficiencias estruturais e enerxéticas que impedían o seu uso educativo. As obras centráranse na mellora da envolvente do edificio, a renovación da cuberta, a substitución das carpinterías exteriores e a modernización das instalacións interiores, conseguindo un inmoble máis eficiente, seguro e confortable.
Coa execución deste proxecto conseguiuse reducir de maneira moi significativa o consumo enerxético e as emisións contaminantes, mellorando o illamento térmico e acústico, optimizando a iluminación e dotando o edificio de sistemas de climatización máis sostibles e respectuosos co medio ambiente.
Esta intervención fixo posible recuperar a actividade do CRA Antía Cal na súa unidade de Couso, proporcionando ao alumnado e ao profesorado un espazo renovado, eficiente e plenamente adaptado ás necesidades actuais.
Con esta actuación, o Concello de Gondomar reitera o seu compromiso coa eficiencia enerxética, a sustentabilidade e a mellora das infraestruturas públicas, contribuíndo aos obxectivos europeos de transición ecolóxica e desenvolvemento sostible.
