Search

O Season Fest converte a Gondomar no punto de encontro do indie nacional

 

Xoel López, Iván Ferreiro, Triángulo de Amor Bizarro, Punsetes, Capicúa, Querido, Pablo Novoa & Friends e máis dunha ducia de grupos emerxentes do panorama indie nacional protagonizan o cartel dun dos festivais máis importantes do calendario estival de Galicia

 

Presentouse en Gondomar a nova edición do Season Fest, que este ano celebra o seu 5º aniversario. A presentación tivo lugar na histórica Casa Peralba da localidade, que será un dos escenarios do festival xunto ao Parque das Ánimas, ao carón do río.

 

O alcalde Paco Ferreira destacou a importancia que ten para o municipio albergar un festival destas características e a “altura de miras do Concello por albergar un evento deste calibre que a piques estivo de non celebrarse no Val Miñor para que continuase levándose a cabo aquí”. “O Val Miñor é un conxunto territorial que ten que apostar pola cultura porque consideramos que é un xeito importante de darlle visibilidade”, sinalou. “Gondomar sempre será un concello aberto á cultura”, rematou.

 

O director do festival, Isaac González, dixo sentirse orgulloso de poñer en marcha un proxecto que cumpre xa 5 anos de vida e que se está a converter nun referente no panorama indie dentro e fóra de Galicia. “Fainos moi felices comprobar como grupos emerxentes polos que apostamos desde o Season Fest en anos anteriores, hoxe son programados polos grandes festivais”, destacou.

Tamén agradeceu aos patrocinadores públicos e privados a súa aposta e ao concello de Gondomar a súa xenerosidade por cedernos “dous espazos tan especiais”.

O festival, terá lugar do 21 ao 24 deste mes no Parque das Ánimas e a Casa Peralba de Gondomar. Xoel López, Iván Ferreiro, Triángulo de amor bizarro, Los Punsetes, os portugueses Capicúa, Querido, Pablo Novoa & Friends e os grupos emerxentes do indie nacional de dentro e fóra de Galicia Margarita quebrada, Anabel Lee, Xenia, Firmado, Carlota, Lusillón, Aeronave adolescente, Visions of Johanna, Sr. Jingles, Habitación Vudú, Tarde a todo e Señora DJ, protagonizan o cartel dun dos festivais máis importantes do calendario estival de Galicia

 

Entradas e abonos á venda

O público que queira asistir ao Season Fest pode mercar xa o abono na súa web. Ademais, todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán mercar as entradas ao Season Fest cun 15% de desconto. As e os menores de 14 anos acceden de balde.

 

 

 

 

 

 

Novas

Axenda

No event found!