O Concello de Gondomar, a través da súa Concellería de Xuventude, desenvolve unha nova edición da iniciativa “Abrindo Portas” con motivo da celebración do Día do Libro.
O vindeiro 23 de abril, a Praza Escolas Vellas acollerá, en horario de 17:00 a 19:00 horas (ou ata esgotar existencias), unha actividade de fomento da lectura dirixida á mocidade a partir dos 12 anos, na que se repartirán de balde preto de 100 libros.
“Abrindo Portas” constitúe un programa consolidado que, ao longo do ano, promove o hábito lector entre a mocidade mediante a recomendación periódica de títulos a través das redes sociais, abordando temáticas actuais e de interese para este colectivo. Nesta xornada especial, as persoas participantes terán a oportunidade de acceder a unha selección destas obras.
Cómpre salientar que esta iniciativa foi recoñecida co segundo premio nos Premios Xuventude 2025, en valoración do seu labor na promoción da lectura e na dinamización da participación xuvenil.
Baixo o lema “Un libro aberto, unha mocidade esperta”, o Concello de Gondomar reafirma o seu compromiso coa cultura, a educación e a mocidade, entendendo a lectura como unha ferramenta clave para o desenvolvemento persoal e social.





