O Concello de Gondomar continúa avanzando no seu compromiso coa protección do medio ambiente e coa construción dun municipio máis sostible, impulsando un novo proxecto para ampliar a compostaxe doméstica e comunitaria. Unha iniciativa financiada pola Xunta de Galicia e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027, que conta cun orzamento de 19.395,39 euros (IVE incluído).

O proxecto contempla a adquisición e instalación de 50 novos composteiros individuais de 400 litros, destinados ás familias do municipio que dispoñan dunha parcela ou horta e queiran sumarse a esta iniciativa. Cada instalación contará cun caldeiro doméstico para a recollida dos residuos orgánicos e cunha guía práctica para facilitar o correcto proceso de compostaxe.

Esta actuación permitirá seguir ampliando o traballo que o Concello vén desenvolvendo nesta materia, na que xa conta con máis de 1000 composteiros individuais instalados e tres áreas de compostaxe comunitaria. A nova iniciativa reforzará tamén estes espazos mediante accións de formación, información e seguimento, tanto para as familias participantes como para os grandes produtores de residuos orgánicos.

Entre as actuacións previstas inclúense encontros coa veciñanza para explicar o funcionamento das áreas comunitarias, visitas ás vivendas para a instalación e posta en marcha dos novos composteiros, asesoramento sobre o seu uso e un seguimento posterior para resolver dúbidas e garantir o seu correcto funcionamento.

O obxectivo é incrementar a participación da cidadanía na separación dos residuos orgánicos na súa orixe e conseguir 21 toneladas máis de biorresiduos separados ao ano, transformando estes restos nun recurso útil mediante a produción de compost natural. Deste xeito, contribuirase a reducir a cantidade de residuos destinados a vertedoiro ou incineración e a diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Desde o Concello quérese seguir promovendo a colaboración da veciñanza e consolidando hábitos máis responsables co medio ambiente. A compostaxe é unha ferramenta fundamental para avanzar cara a un modelo de economía circular, no que os residuos se converten en recursos e no que a implicación de todos e todas resulta esencial.

Con este novo investimento, Gondomar continúa ampliando os recursos e as iniciativas municipais para avanzar cara a un concello máis sostible, eficiente e comprometido co coidado da súa contorna e coa calidade de vida da súa veciñanza.

 

Novas

Axenda

Non se atopou ningún evento!
Cargar máis