A Concellería de Xuventude do Concello de Gondomar celebrará este venres, 30 de outubro, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura, a última actividade do programa «Outubro: Saúde Mental Mocidade», cunha charla titulada «Relacións empantalladas», impartida por María Couso, pedagoga e creadora da plataforma PlayFunLearning.
A sesión, dirixida a familias e adolescentes, abordará as consecuencias que o uso excesivo das pantallas pode ter no desenvolvemento cognitivo, na aprendizaxe, na atención e nas relacións sociais durante a infancia e a adolescencia.
O encontro ofrecerá información baseada na evidencia científica co obxectivo de promover unha reflexión crítica sobre o papel da tecnoloxía na vida cotiá. A iniciativa busca favorecer un uso responsable e equilibrado das ferramentas dixitais, afondando nos seus efectos sen demonizar a súa presenza na sociedade actual.
As persoas interesadas en asistir poden formalizar a súa inscrición a través do teléfono 986 369 746 ou do correo electrónico omix@concellodegondomar.gal.
Con esta última proposta, o Concello de Gondomar pon fin ao ciclo «Outubro: Saúde Mental Mocidade», desenvolvido ao longo deste mes para abordar diferentes aspectos relacionados co benestar emocional das novas xeracións e reforzar o compromiso municipal coa saúde mental da mocidade.
Investir no coidado da mocidade é investir no futuro da sociedade.




