O Concello de Gondomar desenvolveu o proxecto «Modelo dixital para taxa diferenciada e seguimento do servizo de residuos», financiado cunha subvención de 15.000,00€ da Xunta de Galicia, cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Galicia FEDER 2021-2027, no marco da Liña 7 das axudas para o financiamento de actuacións dirixidas a incrementar a xestión dos residuos. O orzamento de execución da actuación foi de 14.950,00€

A iniciativa ten como obxectivo mellorar a xestión municipal dos residuos mediante a incorporación de ferramentas dixitais que permitan recompilar, organizar e analizar información sobre o servizo de recollida. Para iso, desenvolveuse unha solución que integra diferentes fontes de datos e permite relacionar as cantidades de residuos xestionadas coas distintas fraccións, as rutas de recollida e os ámbitos territoriais do municipio.

Ata o de agora, o Concello dispoñía principalmente de información global sobre as cantidades de residuos, o que dificultaba coñecer con maior detalle a súa distribución por zonas e rutas. Con este novo sistema preténdese dispoñer de información máis completa e accesible, facilitando o seguimento do servizo, a detección de posibles incidencias e a planificación de futuras melloras.

Entre as actuacións realizadas atópanse os estudos técnicos previos e a análise de viabilidade, o deseño do modelo de datos, a integración das fontes de información dispoñibles, a implantación da plataforma dixital e a automatización de informes e consultas. Así mesmo, a ferramenta permite analizar diferentes escenarios relacionados coa xestión e os custos do servizo de residuos.

O proxecto tamén permitirá ao Concello estudar posibles modelos de taxas diferenciadas en función da xeración de residuos, proporcionando información técnica para avaliar alternativas e coñecer as súas posibles repercusións. Trátase dunha ferramenta de análise e planificación que permitirá mellorar o coñecemento do funcionamento do servizo e orientar futuras actuacións municipais.

Con esta iniciativa, Gondomar continúa incorporando solucións tecnolóxicas á xestión ambiental municipal, apostando por unha maior dispoñibilidade de información, a optimización dos servizos públicos e a mellora da eficiencia na xestión dos residuos.

 

Novas

Axenda

Non se atopou ningún evento!