O alcalde, Paco Ferreira, e a concelleira de Igualdade, Nuria Lameiro, presentan unha programación especial para o mércores 25 de novembro, que combinará sensibilización, participación educativa e un importante recoñecemento á cultura musical do municipio.

O Concello de Gondomar conmemorará o vindeiro mércores 25 de novembro o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres cunha programación especial centrada na igualdade, a educación e a participación cidadá.

O alcalde, Paco Ferreira, e a concelleira de Igualdade, Nuria Lameiro, convidan a toda a veciñanza a participar nesta xornada, coa que o Goberno municipal reafirma o seu compromiso coa promoción da igualdade, o respecto e a convivencia.

As actividades desenvolveranse na Praza Paradela. A caravana de información sobre igualdade estará instalada en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, achegando á cidadanía información e recursos relacionados coa igualdade.

Ás 12:30 horas terá lugar o acto institucional coa lectura do manifesto, a cargo do alumnado dos IES Terra de Turonio e Auga da Laxe, destacando así o importante papel da educación e da mocidade na construción dunha sociedade máis igualitaria.

O Conservatorio Municipal de Música pasará a levar o nome de «Conchita Quintas»

A programación culminará ás 19:00 horas no Auditorio Lois Tobío cun acto moi especial: o nomeamento do Conservatorio Municipal de Música como Conservatorio «Conchita Quintas».

Este recoñecemento supón un momento significativo para a vida cultural de Gondomar, incorporando o nome de Conchita Quintas á denominación dunha das institucións educativas e culturais do municipio.

O alcalde, Paco Ferreira, destaca a importancia de seguir apostando pola cultura e pola educación musical como piares fundamentais para o desenvolvemento de Gondomar e para o enriquecemento da vida social e cultural da vila.

Desde o Concello anímase a toda a veciñanza a participar nesta xornada e, especialmente, a acompañar este acto de nomeamento, unha cita destacada para a cultura musical do municipio.

 

Novas

Axenda

Non se atopou ningún evento!
Cargar máis