O Concello de Gondomar conta cunha subvención de 7.758,16 euros, concedida pola Xunta de Galicia e cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027, para impulsar a recollida selectiva e a reutilización de residuos téxtiles.

A iniciativa, incluída na liña 4 das axudas para incrementar a ecoeficiencia na xestión dos residuos municipais, ten como obxectivo sensibilizar a cidadanía sobre a importancia de separar correctamente os residuos téxtiles, fomentar a súa reutilización e promover un consumo máis responsable.

O proxecto contempla a organización de seis obradoiros prácticos de reutilización téxtil, dirixidos a diferentes grupos de idade, nos que as persoas participantes poderán coñecer alternativas para dar unha segunda vida aos tecidos e ás prendas usadas.

Ademais, prevese a elaboración e distribución de 700 obxectos promocionais fabricados a partir de residuos téxtiles recuperados dos colectores de recollida. Estes artigos incorporarán códigos QR con información sobre a xestión e reutilización destes materiais.

Gondomar conta actualmente cunha rede de dez colectores específicos para a recollida de residuos téxtiles, distribuídos por todo o termo municipal. Con esta iniciativa búscase reforzar a súa utilización e fomentar hábitos máis sostibles entre a poboación.

A través deste proxecto, o Concello pretende avanzar cara a unha xestión máis eficiente dos residuos, promovendo a economía circular, a redución do impacto ambiental e a implicación da cidadanía no coidado da contorna.

Novas

Axenda

Non se atopou ningún evento!
Cargar máis