O Concello de Gondomar pon en marcha unha campaña para captación de novos usuarios do plan de compostaxe municipal a través ducha serie de visitas personalizadas porta a porta.
Esta proba piloto comezará o venres 19 de abril na urbanización Val Miñor, que foi seleccionada pola súa densidade de vivendas unifamiliares que poden ser demandantes deste servizo.
Persoal especializado visitará as vivendas desta urbanización ao longo do día, trasladando aos residentes os beneficios da utilización deste servizo municipal, e podendo os mesmos solicitar nese mesmo momento un composteiro individual que lle será facilitado posteriormente.
O alcalde Paco Ferreira sinalou que “a intención do goberno local é que unha vez realizada esta proba piloto e analizados os resultados, esta campaña se estenda ao longo de todo Gondomar, para incentivar a compostaxe entre a veciñanza, xa que é unha forma de reducir os residuos orgánicos, e por tanto ten múltiples beneficios para o medio ambiente”. O rexedor destacou que “dende a nosa chegada ao goberno xa temos repartido máis de 600 composteiros, ademais de poñer en funcionamento 2 puntos de compostaxe comunitarios.