Desde o 12 e ata o 26 de marzo estará aberto o prazo de inscrición para o XIII Campus Solidario Multideporte de Semana Santa, organizado polo Concello de Gondomar, que se celebrará os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril.
Neste campus, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, as e os participantes poderán practicar diferentes disciplinas deportivas como atletismo, tenis, tenis de mesa, fútbol sala ou baloncesto, en horario de 10:00h a 14:00h.
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, sinalou que este campus “é unha iniciativa que permite ás nenas e nenos aproveitar os días de vacacións de Semana Santa practicando deporte, compartindo tempo con outras e outros compañeiros e descubrindo diferentes disciplinas deportivas”, ao tempo que destacou “o valor solidario desta actividade e a importancia da colaboración dos clubs deportivos do municipio, que cada ano contribúen con monitoras e monitores para que o campus siga medrando e consolidándose como unha cita habitual destas datas”.
As inscricións poderanse realizar no Pavillón Municipal Bernabé Costas de Miranda, en horario de 17:30h a 20:00h, de maneira presencial entregando os dous anexos correspondentes, ou ben enviando eses anexos ao correo electrónico deportes@concellodegondomar.gal.
DOCUMENTACIÓN INSCRICIÓNS:
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar no teléfono608 748 393.
Ademais, ao tratarse dun campus solidario, solicitarase ás persoas participantes a achega de 2 kg de alimentos non perecedoiros.





