O Conservatorio Municipal de Música de Gondomar celebra este curso o seu 40 aniversario con diferentes actividades que foron presentadas esta mañá polo alcalde Paco Ferreira.

 

O Conservatorio Elemental de Música de Gondomar nace como filial do Conservatorio de Vigo en 1983. Na actualidade conta con aproximadamente 70 alumnos/as matriculados/as para o curso 2023-2024, ademáis de persoal de dirección, docentes e administrativa, cun total de 7 traballadores. Neste centro oficial de ensinanzas artísticas de réxime especial impártese formación musical diaria a alumnado de diferentes idades en especialidades coma: piano, clarinete, guitarra, violín e viola, entre outras.

 

O Auditorio Municipal Lois Tobío e o Conservatorio Municipal de Música de Gondomar atópanse no mesmo edificio, ubicado na Urbanización Miñor nº 133 no casco urbano do concello.

 

Nestas instalacións céntrase a actividade cultural principal do concello que afecta á cidadania en xeral, onde se celebran a maior parte das representacións das artes escénicas como son concertos, representacións teatrais, presentacións de publicacións, exposicións, etc. Nos últimos 40 anos de actividade no conservatorio formáronse a mais de 550 futuros profesionais da música.

 

Con este festival de concertos e actividades, onde colaboran un 100% de artistas vencellados directamente co centro, queremos resaltar a importancia da súa historia, programando en diferentes locais de Gondomar, contribuíndo á divulgación da cultura e do desenvolvemento educativo e social das persoas do municipio.

 

O Conservatorio de Gondomar, foi constituído como filial do Conservatorio Municipal de Vigo no ano 1983. Posteriormente, e segundo a orden do 25 de Marzo de 1988, a Consellería de Educación, creou en Gondomar unha sección filial con validez académica oficial ao abeiro do Regulamento Xeral dos Conservatorios de Música, segundo o Decreto 8/618 do 10 de Setembro, e co visto e prace e informes favorables de organismos educativos presenciais, así como, a proposta da Delegación Provincial de Pontevedra. Manténdose como Filial do Conservatorio Superior de Música de Vigo ata o curso 1996/97. Dende o curso 1997/98  pasou a ser Conservatorio de Música de Titularidade Municipal non dependente da Consellería de educación.

 

O centro sitúase na bisbarra do Val Miñor, no núcleo urbano de Gondomar. A súa área de influencia abrangue os Concellos de Gondomar, Nigrán, Baiona, Tomiño e Vigo principalmente.

 

ACTIVIDADES PROGRAMADAS CON MOTIVO DO 40 ANIVERSARIO

 

Mércores 15 de maio ás 19:00h. Auditorio Lois Tobío: PROXECCIÓN DA PELÍCULA: “As aventuras do príncipe Achmed” con música en directo.

 Mércores 5 de xuño ás 19:00h. Concerto Fin de curso do alumnado do conservatorio. Praza Rosalía de Castro

Venres 14 e sábado 15 de Xuño: Conservatorio e Auditorio Lois Tobío. III NOITE NO CONSER

Mércores 18 de setembro ás 19:00h. Auditorio Lois Tobío: Concerto de Guitarra.

Mércores 16 de Outubro 19:00h Auditorio: Soundpainting e videocreación.

Venres 22 de novembro ás 19:00h. Concerto de Santa Icía 2024

Mércores 18 de decembro ás 19:00h. Concerto de Nadal 2024 e peche das conmemoracións polo 40º aniversario.

 

Na presentación destas actividades conmemorativas o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado da Directora do Conservatorio, Brenda Vidal, destacou “a aposta decidida do Concello de Gondomar pola formación musical” e quixo “felicitarnos por estes 40 anos nos que centos e centos de nenas e nenos adquiriron unha formación musical, que nalúns casos convertiron xa na súa profesión”. O rexedor local aproveitou para destacar “o gran traballo de todos os profesores e da dirección deste centro, único na comarca, e que é un referente educativo en toda Galicia”

 

 

 

 

 

Novas

GONDONADAL

Consulta toda a programación deste Nadal en Gondomar AQUÍ

Axenda