O Concello de Gondomar continúa avanzando na modernización e mellora dos seus servizos ambientais. O goberno municipal vén de investir máis de 40.000 euros na adquisición de dúas novas caixas de Punto Limpo Móbil, reforzando así un servizo esencial para a correcta xestión dos residuos domésticos especiais e achegándoo a todas as parroquias do municipio.
Esta actuación forma parte das axudas para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Grazas á xestión municipal, estes fondos permitiron executar unha intervención que beneficia directamente á cidadanía, ás parroquias e ao conxunto do concello.
Esta actuación conta cun financiamento mixto no que a Xunta de Galicia achega o 72,73% do investimento, cun total de 29.268,80 euros, mentres que o Concello de Gondomar aporta o 27,27% restante, alcanzando os 10.975,80 euros. O importe global do proxecto ascende a 40.244,60 euros (IVE incluído).
Coa incorporación destas dúas unidades, Gondomar duplica a capacidade de recollida deste servizo, facilitando que a veciñanza poida desfacerse de residuos que non deben ir ao lixo convencional como pilas, lámpadas, pequenos electrodomésticos, aceites usados ou cartuchos de impresora— evitando así que acaben na natureza ou en vertedoiros.
As novas caixas dispoñen de 15 compartimentos independentes, garantindo unha separación eficaz e unha xestión ambiental correcta. Ademais, ao seren móbiles, permitirán realizar 40 cambios de localización ao ano, asegurando que o servizo chegue ao 100% da poboación, incluídas as zonas rurais e os núcleos de menor densidade.
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, destacou que esta inversión “forma parte dunha maneira de gobernar que mira polo futuro, pola sostibilidade e por unha vila máis ordenada e respectuosa co seu contorno natural”. Engadiu que “con estes dous novos Puntos Limpos Móbiles damos un paso máis na defensa da nosa natureza e no cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030, ao tempo que melloramos un servizo esencial para a nosa cidadanía”.
Segundo as estimacións técnicas, esta ampliación permitirá evitar máis de 295 toneladas de CO₂ equivalentes, reforzando o papel de Gondomar na loita contra o cambio climático e promovendo a economía circular como eixo central das políticas públicas municipais.
Con esta actuación, Gondomar consolídase como un municipio referente na xestión sostible dos residuos e na posta en marcha de iniciativas que melloran a calidade de vida e o benestar da súa xente.




